Mercadillo veciñal de segunda man

O Concello de Esgos organiza un Mercadillo veciñal co obxectivo de fomentar o intercambio e reutilización de obxectos de segunda man e a comunicación e convivencia entre os veciños.

Esta primeira edición do Mercadillo Veciñal de segunda man levarase a cabo en praza de Saa e Praza do Afiador durante a xornada do domingo 24 de setembro, dende as 11:00 ata as 19:00 horas. En caso de choiva celebrarase no Centro Cultural Parada Justel.

CONDICIÓNS E REQUISITOS PARA INSTALAR UN POSTO NO MERCADO VECIÑAL DE SEGUNDA MAN DE ESGOS

  1. Os postos do Mercadillo Veciñal están destinados exclusivamente aos veciños e veciñas do Concello de Esgos, a título particular e nunca como persoa empresaria. Por iso, non se realizará actividade profesional e/o comercial algunha durante o mercadillo, sendo o obxecto do mesmo a venda e/o intercambio de obxectos usados entre particulares. Os artigos serán intercambiados por outros, ou vendidos por prezos módicos ou simbólicos e inferiores ao prezo de adquisición. As asociacións deste Concello tamén poderán solicitar un posto no mercadillo.
  2. Os veciños interesados en instalar un posto no mercadillo deberán solicitalo na biblioteca antes do 19 de setembro.
  3. Os postos serán mesas expositoras ou, como máximo, estruturas metálicas tipo mercadillo. Os adxudicatarios serán responsables de levar todo o necesario para montar os seus postos.
  4. Queda prohibido utilizar calquera tipo de ancoraxe, nin ao chan, nin a árbores, nin a bancos ou mobiliario urbano.
  5. Os postos ocuparán unicamente o espazo autorizado, non podendo os obxectos expostos sobresaír dos mesmos, nin interferir o normal paso das persoas asistentes ao mercadillo.
    A superficie máxima a ocupar por cada participante é de aproximadamente 3 metros de longo por 2 de ancho.
  6. Os bens ou produtos obxecto da venda ou intercambio serán exclusivamente produtos usados de “segunda man”. No mercadillo haberá espazo para películas, obxectos de coleccionismo, libros, bixuterías, xoguetes, enxoval de fogar e calquera outro artigo de interese.
  7. A montaxe e desmonte dos postos, así como a limpeza dos mesmos e do espazo ocupado por estes será de conta do solicitante.