A terceira etapa da carreira ciclista «O Gran Camiño» sairá de Esgos e pasará por terras de Valdeorras o próximo 25 de febreiro para rematar no Alto do Castelo en Rubiá.
O Control de firmas terá lugar na praza da Souteira entre as 11:10h e as 12:40h onde estará situada a saída.
Saída neutralizada ás 12:55h pola Souteira, accedendo á estrada OU-536 en dirección a O Pinto, onde xirarán á esquerda ata Laioso, onde se sitúa o km cero.
A carreira pretende dar visibilidade ás zonas de Ourense arrasadas polos incendios forestais o pasado verán, pero tamén promocionar os seus parques naturais, a Ribeira Sacra, a Vía da Prata ou a gastronomía propia da zona. Todo iso dentro do seu obxectivo de aproveitar o potencial mediático que ofrece un deporte como o ciclismo, onde a contorna é case tan protagonista como os propios corredores.
O Gran Camiño percorrerá en catro etapas cada unha das provincias galegas comezando o 23 de febreiro cunha etapa de 191 quilómetros entre a Muralla de Lugo e Sarria.
O día 24 será a quenda para Pontevedra, onde se percorrerán 188 quilómetros entre Tui e o Monte Trega na Guarda. O día 25 tócalle a Ourense, coa nosa etapa entre Esgos e o Alto do Castelo, e o día 26 a carreira finaliza cunha contrarreloxo de 18 quilómetros entre Novo Milladoiro e a praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.
Podes atopar máis información no seguinte enlace: