Campamento de verán 2020

O campamento de verán Esgos 2020 pretende ser unha oferta lúdico/educativa que o Concello de Esgos lles ofrece ás familias para conciliar a vida persoal, laboral e familiar durante as vacacións de verán e, ao mesmo tempo, contribuír á formación socioeducativa da rapazada.

DESTINATARIOS/AS: O programa está dirixido a nenas e nenos de 3 a 14 anos. No referente aos rapaces e rapazas de 3 anos, non poderán participar os que aínda non cursaran 4º de educación infantil.

NÚMERO DE PRAZAS: Ofértanse 20 prazas por quenda. No caso de non ter un mínimo de 15 inscritos, non se poderá realizar a actividade.

En relación ao Covid-19, seguirase a normativa e protocolos que estableza a Xunta de Galicia en cada momento, podendo quedar en suspensión se as autoridades sanitarias así o consideran.

CRITERIOS DE SELECCIÓN: Para outorgar as prazas teranse en conta os seguintes criterios na orde que segue a continuación:

  1. Preferentemente ingresos inferiores ao 6,5 veces o IPREM
  2. Familias empadroadas no concello de Esgos
  3. Familia monoparental
  4. Que ambos proxenitores traballen actualmente
  5. Familias numerosas.

No caso de que as solicitudes superen as prazas ofertadas a selección dos/das aspirantes realizarase en función do cumprimento dos anteriores requisitos. No caso de producirse un empate realizarase un sorteo entre as/os aspirantes que se atopen na mesma situación.

HORARIOS E QUENDAS: Este campamento levarase a cabo de luns a venres, durante os meses de xullo e agosto, agás os festivos. Faltan por definir as datas de comezo e fin, xa que se intentarán adaptar na medida do posible á demanda dos solicitantes.

O horario será de 10:30 a 13:30 horas.

PREZO: Os prezos serán os seguintes:

  • 10 €/quincena para os empadronados
  • 20€/quincena para os residentes non empadronados

As familias con 3 ou máis fillos beneficiaranse dun desconto do 25 %, sobre a cota que lle corresponda con independencia do número de fillos/as matriculados no campamento.

NORMAS DE FUNCIONAMENTO: Deberán comunicar á persoa encargada da actividade
os cambios que se produzan en relación cos datos que figuren na súa folla
de inscrición.
Prégase puntualidade na entrega e recollida dos nenos. Máis de catro faltas de asistencia sen xustificar ao campamento, poderá ocasionar a baixa na actividade, e entrará o/a neno/a que corresponda segundo a orde establecida na lista de espera.
Debido á situación sanitaria que estamos a sufrir provocada pola pandemia do Covid-19, deberán tomar a temperatura aos seus fillos/as a diario. De ter algún síntoma prégase que o comuniquen o antes posible para tomar as medidas oportunas e non deberían levar aos fillos/as ao campamento.
Seguiranse os protocolos de seguridade e saúde recomendados polo Servizo de Prevención do Concello de Carnota, no marco das recomendacións publicadas polas autoridades sanitarias.

OBSERVACIÓNS:

  1. Recoméndase vestimenta e calzado cómodo.
  2. Cómpre que as/os participantes boten crema solar antes de saír da casa e que traian unha pequena merenda para a media mañá, unha gorra e unha botella de auga.
  3. No caso de que se realice unha actividade acuática deberán traer unha bolsa con traxe de baño, toalla e chancletas.

PRAZO: o prazo de solicitude de praza abrangue dende o 18 ata o 23 de xuño
(ambos incluídos)

A partir do 25 de xuño publicarase no taboleiro de anuncios do concello a lista de admitidos e excluidos